Sen tempo para dixerir nin gozar a importante vitoria conseguida contra o Nava no Municipal, o Dicsa Modular Cisne afronta unha nova reválida pola permanencia na Liga Asobal.
O conxunto pontevedrés recibirá este sábado 5 de decembro (20.00 horas) a outro rival directo como é o actual último clasificado, o Villa de Aranda.
Despois de lograr 3 puntos en dúas xornadas, os de Jabato buscarán prolongar a súa xeira positiva nunha cita das marcadas en vermello no seu calendario.
"Mantiveron gran parte do bloque do ano pasado, é un equipo moi parecido co que perdemos o ano pasado tanto na primeira como na segunda volta", analiza o segundo adestrador cisneísta, Quiños, sobre o equipos que xunto a eles ascendeu á máxima categoría.
O técnico destaca o "xogo moi rápido, con cruces moi amplos e creando espazos" que caracteriza o Villa de Aranda, polo que "teremos que pelar e buscar moita mobilidade para atopar os espazos".
O Cisne seguirá sen poder contar para este encontro con algúns dos seus homes por lesión, como é o caso de Iván Calvo, Carlos Álvarez e Carró.