A vitoria en Avilés sobre o Abda (50-55) deixa o Arxil a un paso de alcanzar o seu soño

Pontevedra
05 de abril 2015

Coa vitoria, o Arxil depende exclusivamente de si mesmo na última xornada da liga regular para disputar a fase final de ascenso a Liga Feminina, para o cal debe gañar o próximo sábado no CGTD ao Universidade de Oviedo, equipo que ocupa o antepenúltimo posto da táboa

Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD
Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD / Diego Torrado

Non podía fallar o Arxil na súa visita a Avilés e non o fixo. Nun partido intenso e disputado, dominado polos nervios e a responsabilidade en bastantes fases, as rapazas de Mayte Méndez conseguiron unha vitoria transcendental que as sitúa a un só paso do sono de disputar a fase final polo ascenso á Liga Feminina.

Porque, ademais de gañar, o conxunto verde necesitaba que o líder CDKO Bizkaia, o seu verdugo da pasada xornada, lle botase unha man derrotando tamén o León Cuna del Parlamentarismo. Non fallou tampouco o conxunto vasco, que fixo bos os prognósticos, vencendo por un contundente 50-68, o que permite ás pontevedresas recuperar a cuarta praza, empatada con Portomar Cortegada, que tampouco fallou.

Con estes resultados, o Arxil depende exclusivamente de si mesmo na última xornada da liga regular, para o cal debe gañar o próximo sábado no CGTD ao Universidade de Oviedo, equipo que ocupa o antepenúltimo posto da táboa.

Pero para que isto fose posible, primeiro houbo que sufrir en terras asturianas, nun partido marcado polas alternativas e que non se decidiu ata os instantes finais.

As locais impuxéronse no primeiro cuarto, pero o Arxil daría a volta nun sensacional segundo parcial, pero complicaríase pola súa falta de acerto no tiro no terceiro, no que só conseguiu anotar sete puntos, para entrar no último e definitivo con só un punto de vantaxe.

Ao final, o dominio baixo os taboleiros, con 39 rebotes por só 28 das locais, foi clave, destacando neste apartado unha vez máis a achega de Maimouna Diarrá, que capturou 21 rebotes, sumando 15 puntos e un 23 de valoración, que a converteron na figura do partido.

ABDA AVILÿS (50): Lara Fernández (14), Analía Casado (2), Anna Boleda, Carla Escuert (12), Onyeuku (13) -cinco inicial-, Cova González (2), Elena del Busto (2), Lucía Arguello (5) e Alicia Alonso,

CB ARXIL (55): Maimouna Diarrá (15), Ana Román (10), Ana Martín (6), Carla (13), Fallon Lewis (3) -cinco inicial-, María González (5), Andrea Carrera (1), Cristina Díaz Pache e Sandra Entenza (2).

Árbitros: Javier Beneitez Rodríguez e Jorge González Escobar. Sinalaron 12 faltas ao equipo local e 11 ao Arxil. Sen eliminadas.

Marcadores parciais: 19-13, 11-23 (30-36, descanso), 12-7 (42-43), 8-12 (50-55, final).

Incidencias: Complexo deportivo (Avilés).