A volta de público ás bancadas de estadios e pavillóns terá que esperar

Pontevedra
16 de febreiro 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle os cambios acordados polo Comité Clínico da Xunta na normativa de restricións impostas para a contención do  covid, entre as que se atopan as relativas á práctica deportiva e ás competicións

Bancada do Estadio Municipal de Pasarón durante o Pontevedra-Guijuelo, disputado a porta pechada
Bancada do Estadio Municipal de Pasarón durante o Pontevedra-Guijuelo, disputado a porta pechada / Mónica Patxot

O Diario Oficial de Galicia (DOG), nunha edición extraordinaria publicada a última hora do luns 15 de febreiro, publicou a nova orde da Consellería de  Sanidade coa modificación das restricións adoptadas pola Xunta de Galicia para a contención da covid, entre elas as relativas ao deporte, e que horas antes foran avanzadas polo presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo.

O dirixente galego adiantase que, en relación á práctica deportiva, permitirase a apertura das instalacións ao aire libre e o regreso das competicións federadas de ámbito autonómico, quedando agora en mans das respectivas federacións a reorganización dos calendarios.

O que non se concretou é se existirían variacións noutras medidas como a relativa á presenza de público nas competicións non profesionais de ámbito estatal, como poden ser a Segunda B e Terceira División de Fútbol, a División de Honra Prata de balonmán, a Liga Feminina 2 de baloncesto ou a Primeira División Feminina de fútbol sala, entre outras.

Nesta sentido a Xunta aposta por manter a prohibición de acceso de espectadores, sinalando o DOG que "as competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse sen público de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes".

Isto supón por tanto que os partidos das diferentes ligas seguiranse disputando, polo menos unha semana máis, a porta pechada, á espera de se a próxima reunión do Comité Clínico prevista para o 22 de febreiro decide comezar coa apertura gradual.

Por último a actividade deportiva non federada "só poderá realizarse ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes e coa utilización de máscara", recolle o Diario Oficial de Galicia.