A xira internacional de Adrián Esperón e Patricia Martínez

Pontevedra
05 de novembro 2015

A parella pontevedresa tomará parte esta fin de semana en Canadá na Copa do Mundo de Baile Deportivo na modalidade de 10 Bailes  

Adrián Esperón e Patricia Martínez xunto á presidenta provincial, Carmela Silva
Adrián Esperón e Patricia Martínez xunto á presidenta provincial, Carmela Silva / Deputación de Pontevedra

Adrián Esperón e Patricia Martínez non paran. Despois de lograr hai poucos días gañar a nivel de clubs e automías nos campionatos de España Standard, a parella pontevedresa fai a maleta para afrontar unha pequena xira internacional.

Canadá é a primeira e máis importante das súas paradas, e é que Patricia e Adrián teñen previsto participar desde este venres 6 de novembro e ata o domingo 8 na Copa do Mundo de Baile Deportivo, neste caso na modalidade de 10 bailes, sendo a única parella española en competición.

Vancouver acollerá o campionato, o que aproveitarán para participar tamén en dúas competicións puntuables para o ránking mundial.

Despois desta cita os actuais campións de España de baile deportivo volverán a Europa para tomar parte doutro open internacional na capital francesa, París.