A Xunta autoriza a ampliación de aforo do Pontevedra-Deportivo a 500 espectadores

Pontevedra
04 de decembro 2020
Actualizado: 16:40

As novas disposicións recollidas no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o inicio da 'nova desescalada' permiten ese aforo máximo para eventos deportivos ao aire libre en zonas con restricións de nivel medio-alto e máximo nivel, como é o caso de Pontevedra

Bancada de Pasarón con limitación de aforo no partido de liga entre Pontevedra e Celta B
Bancada de Pasarón con limitación de aforo no partido de liga entre Pontevedra e Celta B / Cristina Saiz

O derbi galego entre Pontevedra Club de Fútbol e Real Club Deportivo, previsto para este sábado 5 de decembro (17.00 horas) no Estadio Municipal de  Pasarón, contará con máis público do esperado.

Segundo establecen as novas disposicións publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a última hora do xoves para a denominada 'nova desescalada' a nivel autonómico, a Xunta decidiu ampliar o límite de aforo para os eventos deportivos.

Este límite varía en función da incidencia que a Covid teña en cada municipio, con diferentes niveis. Así nos concellos con nivel medio-alto (Vilagarcía, Vilanova, Meis, Meaño, Ribadumia e Vilaboa entre outros) e os de máximas restricións (Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, O Grove e Cambados) o goberno autonómico fala de que a celebración de eventos e competicións deportivas "poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado e que o aforo se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros nas catro direccións entre os asistentes, salvo que trate de persoas conviventes, cun límite máximo de 250 persoas para lugares pechados e de 500 persoas tratándose de actividades ao aire libre".

É o caso por tanto dun dos partidos máis esperados da tempada, o Pontevedra-Deportivo que poñerá en xogo o liderado do Subgrupo 1-A de a Segunda División B e que podería contar con medio milleiro de afeccionados nas bancadas, en lugar dos 150 seguidores que puideron acceder a Pasarón nas últimas xornadas.

No Pontevedra, como cada vez que xogan na casa, enviaron unha solicitude á Dirección Xeral de Saúde Pública e a Secretaría Xeral para o Deporte pedindo que se lles permita gozar do aforo máximo permitido ao contar cunhas instalacións como Pasarón que permiten manter igualmente a seguridade dos asistentes, unha solicitude que contou con resposta afirmativa por parte das autoridades.

Esta ampliación de aforos afectaría directamente a outros eventos para celebrar esta fin de semana na cidade, como o encontro da Liga Asobal entre Cisne e Villa de Aranda ou o encontro da Liga Feminina 2 entre Arxil e Barakaldo, e que poderían contar con ata 250 espectadores no caso de lograr a autorización pertinente.

Nas zonas de Galicia con baixa incidencia da Covid, estes límites serán a partir de agora, explica a Xunta, dun máximo de 500 persoas para lugares pechados e de 1.000 persoas tratándose de actividades ao aire libre.

ACTIVIDADE DEPORTIVA

A nova normativa tamén recolle variacións no que respecta a a práctica de actividade física e deportiva non federada ao aire libre, que "poderá realizarse de forma individual ou colectiva ata un máximo de catro persoas sexan ou non conviventes, excluído o monitor" no que se refire a zonas cun nivel medio-alto ou máximo de restricións.

Ademais nun nivel medio-alto "nas instalacións e centros deportivos poderá realizarse actividade deportiva de forma individual, ou colectiva cun máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes, excluído o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento do aforo máximo permitido".

Pola súa banda no máximo nivel de restricións establécese o peche temporal de "establecementos para actividades deportivas".