A Xunta de Goberno aproba a resolución das subvencións deportivas da tempada 17/18

Pontevedra
20 de maio 2019

As axudas, por valor de 292.846 euros, corresponden a unha das dúas anualidades que reclaman como pendentes de concesión os clubs da cidade. Raimundo González asegura que o próximo goberno habilitará "de inmediato" a convocatoria da actual tempada deportiva 

Raimundo González
Raimundo González / Mónica Patxot

O goberno local de Pontevedra anunciou este luns a aprobación da resolución definitiva, por parte da Xunta de  Goberno, das subvencións a clubs deportivos do municipio correspondentes á tempada 2017/2018.

Trátase dunha das dúas anualidades que reclaman as entidades deportivas como pendentes, e que contan cun orzamento total de 292.846 euros para fomentar a actividade deportiva.

Unha vez revisadas as alegacións presentadas, serán 57 os clubs que recibirán apoio económico, con cifras que van desde os 22.149 euros da Sociedad Deportiva Teucro, os 18.183 euros do Club Baloncesto Arxil ou os 16.552 euros do Club Cisne ata os 790 euros do Club de Natación Máster Pons Vetus e os 769 euros do Centro Méndez Núñez.

Segundo explicou en rolda de prensa o portavoz do goberno local, Raimundo González, a baremación de méritos baseouse na categoría, o número de licenzas e os desprazamentos que debe realizar cada club ao longo do ano.

En canto á convocatoria da tempada deportiva que está preto de concluír, a 2018-2019, González sinalou que será o novo goberno, tras as eleccións do próximo 26 de maio, o que publique as axudas, algo que poderá facer "de inmediato", explicou o edil.