A Xunta promete mellores servizos para o equipo de triatlón do CGTD

Pontevedra
17 de setembro 2019

O equipo de triatletas do CGTD e os novos membros do corpo técnico e da Federación Galega recibiron a visita este martes do secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, quen os felicitou polos resultados e lles primetió a apertura da piscina, a adquisición de rodetes e unha mellor atención médica

O novo equipo de tríatlón do CGTD presentouse este martes
O novo equipo de tríatlón do CGTD presentouse este martes / PontevedraViva

O novo curso académico xa está en mercha no CGTD. Se o luns tivo lugar a cerimonia de recepción de novos deportistas, este martes foi a quenda de presentación do novo equipo de tríatlon, que esta tempada inicia un novo proxecto coa entrada Gonzalo Triunfo como novo presidente da Federación Galega e Carlos David Prieto, adestrador do pentacampeón do mundo Javier Gómez Noya, como director técnico.

Nun acto no que participou o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, o presidente do ente federativo destacou ante os 18 compoñentes do equipo de triatletas do CGTD que participaron no acto "o ambiente espectacular" e pediulles "que disfrutedes e o pasedes ben, os resultados xa chegarán".

Pola súa banda, Lete Lasa prometeu atopar unha solución inmediata a algunhas das deficiencias do centro que lastra a preparación dos triatletas. "Sodes os mellores e temos que ter os mellores servizos", dixo o secretario. Entre as demandas que a Xunta espera satisfacer a curto prazo é a adquisición de rodetes para adestrar en bicicleta e a apertura da piscina de 25 metros do centro que esperan reabrir en quince días. Ademais agardan seguir empregando as instalacións de Rías do Sur.

Máis dificultades haberá para a mellora dos servizos médicos e de fisioterapia. Desde a Xunta negocian un convenio con entidades médicas da cidade e coa facultade de fisioterapia para contar con especialistas que traten os problemas físicos que poidan sufrir estes deportistas.

Sobre os cambios na Federación, que conta con Carlos David Prieto e Jonathan Cancela como principais técnicos, o secretario mostrouse "encantado" e espera que esta renovación supoña unha oportunidade "para seguir crecendo". 

No acto participou tamén Javier Gómez Noya e sobre a súa presenza Lete Lasa declarou que "nunca deixou de estar, pero agora farao de forma máis clara", agradeceu.