Finalmente e con dúas semanas de atraso con respecto ao previsto nun inicio, a carreira popular Conca do Lérez estreouse cunha soleada xornada.
Medio centenar de atletas completaron os 17 quilómetros, con saída no ámbito da ponte romana de Cerdedo para atravesar Cotobade e chegar no Parque Arquelógico de Arte Rupestre de Campo Lameiro.
Malia o esixente do percorrido os atletas marcaron uns bos tempos.
Abel González (Atletismo +9 Moraña) foi o máis rápido conseguindo co triunfo en categoría masculina grazas a un tempo de 59:01, con case 40 segundos de vantaxe sobre Diego González (CD Pinarium) e máis dun minuto sobre Juan Díaz (Gallaecia), que completou o podio.
En categoría feminina a vencedora foi Marga Villaverde (GV Sport) cun tempo de 1:16:39.