Abel Suárez será baixa ante a Ponferradina por sanción

Pontevedra
03 de novembro 2016

O centrocampista canario viu en Tudela o seu quinto cartón amarelo e perderá o duelo do domingo (17:00 horas) por sanción. Luisito volverá variar o once inicial tras introducir rotacións no choque ligueiro do mércores

Abel Suárez, durante un adestramento
Abel Suárez, durante un adestramento / Mónica Patxot

Sen tempo que perder, aínda que coa satisfacción de lograr o seu primeiros tres puntos a domicilio da liga, o Pontevedra céntrase no esixente duelo que vivirá o domingo (17:00 horas) ante a Ponferradina no Estadio Municipal de Pasarón.

O partido perderao Abel Suárez tras recibir en Tudela o seu quinto cartón amarelo da tempada, mentres queda en capela, a un cartón do castigo, Javi Bonilla.

O Xuíz de Competición confirmou este xoves a sanción dun encontro ao centrocampista canario, titular o mércores e que será un cambio obrigado no once que dispoña Luisito.

Non será o único, e é que o técnico introduciu variacións no equipo coa intención de minimizar o cansazo de xogar tres partidos nunha semana. Unhas rotacións que deron resultado e que volverán repetirse o domingo.

Outra das incógnitas que garda con celo o adestrador pontevedrés é o esquema de xogo que dispoñerá ante un dos candidatos ao ascenso, como é a Ponferradina, tendo en conta que nos dous últimos partidos empregou o 4-2-3-1 (ante Osasuna B en Pasarón) e un sistema con tres centrais e dous dianteiros sobre o céspede no Ciudad de Tudela.

FIXADA DATA E HORA PARA O PARTIDO EN LEÓN

Por outra banda o Pontevedra xa coñece a hora fixada para a súa visita ao campo do actual líder do grupo, a Cultural Leonesa. O choque disputarase no Reino de León o vindeiro domingo 13 de novembro ás 17:00 horas.