'Abrazando a diversidade' en Sanxenxo

Sanxenxo
31 de agosto 2025

A Milla Urbana de Sanxenxo, a proba máis solidaria do municipio, celebrou este domingo o seu 25 aniversario coa participación de 350 corredores e o apoio de 37 voluntarios

XXV Milla Urbana de Sanxenxo
XXV Milla Urbana de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Paseo de Silgar acolleu durante a mañá deste domingo a vixésimo quinta edición da súa Milla Urbana, na que participaron preto de 350 corredores de todas as idades.

A proba, que este ano se desenvolveu baixo o lema 'Abrazando a diversidade', contou co apoio de 37 voluntarios, entre membros da concellaría de Xuventude e migrantes aloxados no municipio a través de Accem.

A recadación das inscricións destinouse integramente á Asociación Neens Sanxenxo, unha entidade que presta atención a familias con nenos con necesidades especiais de apoio educativo.

Durante o desenvolvemento das probas, a Praza dos Barcos acolleu tres zonas con diferentes actividades para visibilizar o traballo da asociación: ofreceron información sobre o colectivo; houbo un espazo dedicado á Meiga Xesta, supervisora da lectura e escritura dos nenos, e un recuncho de pintacaras para fomentar a empatía mediante a representación de personaxes.

As carreiras comezaron ás 12:00 horas no Paseo de Silgar con saídas graduadas por categorías.

Os primeiros en participar foron os nenos e nenas da categoría prevenjamín, seguidos dos benjamines, alevíns, infantís, cadetes, júniores, afeccionados e, por último veteranos (A, B e C). A distancia de cada carreira variou segundo a categoría, adaptándose ás idades e niveis.

Con motivo da proba, aplicáronse restricións ao tráfico na zona desde as 11:00 até as 13:30 horas, para garantir a seguridade dos participantes e espectadores.