O Pontevedra Club de Fútbol sumou un novo empate este sábado na súa visita ao Estadio Municipal Reina Sofía de Salamanca, onde igualou 1-1 ante o Unionistas CF.
Nun partido moi disputado, o conxunto granate rozou a vitoria, pero un gol nos últimos minutos privou aos de Rubén Domínguez de levar o tres puntos.
O técnico do Pontevedra valorou o encontro en rolda de prensa, destacando o nivel mostrado polo seu equipo e a dificultade do escenario. "Creo que foi un partido moi equilibrado".
Domínguez considera que o conxunto granate fixo "unha gran primeira parte" nun campo complicado, "polo ambiente e pola boa dinámica de Unionistas".
En canto á segunda metade do encontro "tivemos tamén os nosos momentos de poder matar o partido, onde creo que o controlamos ben", pero escapouse a vitoria nunha acción final.
"É unha pena", sinalou Domínguez, "nos envenenó ese centro e acabamos perdendo dous puntos".
O adestrador lamentou o desenlace do encontro, aínda que quixo pór en valor o traballo dos seus xogadores "sentiamos cos dedos o tres puntos", pero insiste en que esta é unha liga moi igualada e "gañamos partidos no desconto e hoxe tócanos perder puntos no desconto".
En conclusión, "hai que seguir traballando" afirmou o adestrador que se marcha de Salamanca convencido de que "se está vendo un Pontevedra eficaz, sólido e, sobre todo, fiable".
"Todos os xogadores, tanto os titulares como os que entraron desde o banco, achegaron enerxía e compromiso", engadiu.
Domínguez tamén explicou as decisións tomadas durante o partido, especialmente tras a lesión de Tiago que "nos alterou un pouquiño como estabamos a saír".
Cos cambios o Pontevedra buscaba "ter maior control no medio campo", xustificou o adestrador, porque "creo que nos deron enerxía". "Foi unha acción illada a que nos condenou", insistiu.
Sobre a acción do gol do empate, o técnico mostrou certa frustración, pero evitou polémicas dicindo que "se pedía que o saque de banda era a favor do Pontevedra, pero esa acción non é revisable".
Pese ao sabor amargo do empate, esa "mala sensación", Domínguez quixo quedar coa parte positiva recalcando que "levamos catro semanas consecutivas sumando nalgúns escenarios difíciles".
Rubén Domínguez asegura que hai que seguir insistindo e traballando porque "esta liga é durísima" e "temos que ter tamén a frialdade de dicir, sumamos un punto".
Con este empate, o Pontevedra continúa a súa boa serie de resultados e mantén a súa condición de equipo competitivo nunha das categorías máis exixentes do fútbol español.