Achégase o comezo da tempada puxilística e Aarón González afina a súa preparación cruzando luvas con algúns dos mellores boxeadores do país.
Por ese motivo o marinense desprazouse hai poucos días ata Xixón para participar nunhas xornadas de adestramento xunto ao tres veces campión de España Aitor Nieto.
Alí atopábanse varios dos mellores boxeadores profesionais do estado para compartir horas de preparación e experiencias antes de afrontar unha nova tempada.
Para Aarón González o ano de competición empezará pronto, pois o 23 de xaneiro ten a súa primeira cita na localidade portuguesa de Braga, onde se enfrontará Nazar Kerner, un boxeador ruso afincado no Porto.
Só unha semana despois o deportistas do Team Thunder Marín viaxará a Cataluña para enfrontarse ao local Isaac Freire nunha velada que servirá de homenaxe á campioa do mundo Loly Muñoz.