Adeus en oitavos de final para o Arxil no Nacional Infantil tras caer ante La Salle Tenerife

Pontevedra
18 de xuño 2015

As pontevedresas víronse claramente superadas por un dos equipos favoritos ao título e perderon por un contundente 33-74

Oitavos de final do Nacional Infantil de baloncesto entre Arxil e La Salle Tenerife
Oitavos de final do Nacional Infantil de baloncesto entre Arxil e La Salle Tenerife / Daniel Santomé

Non puido ser. Acudían á cita sen presión ante un dos favoritos ao triunfo final, o La Salle Tenerife, e víronse claramente superadas.

O equipo infantil do Arxil despediuse en oitavos de final do Campionato de España Infantil de baloncesto que se está a xogar en Pontevedra tras caer por un contundente 33-74.

No medio dun grande ambiente nas bancadas do Centro Galego de Tecnificación, as rapazas adestradas por Marita Janeiro víronse penalizadas pola súa falta de acerto en ataque e os problemas para defender algunha das xogadoras canarias.

O partido quedou encarrilado tras o primeiro cuarto (8-20) e sentenciado ao descanso (21-42), sen que as verdes puidesen pensar en ningún momento na remontada.

A derrota non embaza o bo papel das anfitrionas nun campionato que continúa o seu desenvolvemento entrando na súa fase decisiva.