Seguen os éxitos deportivos da parella pontevedresa Adrián Sieiro e Sergio Vallejo. Os padeeiros do Club Piragüismo Poio lograron a medalla de bronce na proba de C2 1.000 metros da Copa do Mundo que se está celebrando esta fin de semana en Belgrado (Serbia).
Ambos deron a súa mellor versión conseguindo un meritorio terceiro posto cun tempo de 3:32.180, sendo superados tan só pola parella alemá formada por Yul Oeltze e Peter Kretschmer, que foron ouro, e os polacos Mateusz Kaminski e Vincent Solminski.
O seu bo rendemento repetiuse na xornada vespertina.
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo gañaron a súa serie na proba de C2 500 metros, cun tempo de 01:44.668 e clasificáronse directamente para a final do domingo.
O piragüismo galego celebrou tamén o triunfo dos padeeiros do Club Náutico Ría de Betanzos Óscar Carrera e Rodrigo Germade, que colgaron o ouro na final do K2 500 metros e o bronce do deportista do Kayak Tudense Roi Rodríguez na final do K1 1000 metros.