Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, sen fortuna no Mundial de piragüismo

Pontevedra
26 de agosto 2017

Os padexeiros do Piragüismo Poio Pescamar, por tempos, terían gañado a outra semifinal do C-2 1.000 metros, pero na súa foron cuartos e víronse relegados á final B da competición. Teresa Portela, tamén á final B no K-1 200

Sergio Vallejo e Adrián Sieiro no Mundial de Racice
Sergio Vallejo e Adrián Sieiro no Mundial de Racice / Federación Galega Piragüismo

Un mal cruzamento nas semifinais deixou a Sergio Vallejo e Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) sen o seu obxectivo de chegar á final mundialista do C-2 1.000 metros no Campionato do Mundo Sprint que se está disputando na localidade checa de Racice.

A parella pontevedresa viuse relegada á final B da competición, prevista para este domingo, despois de ser cuartos este sábado na súa semifinal (3:42.648), quedando a medio segundo da clasificación.

Con todo o seu tempo teríalles valido para gañar a outra semifinal e entrar na loita polas medallas, xa que nela impuxéronse os brasileiros Isaquias Queiroz e Erlon de Souza cun peor rexistro que o dos galegos (3:43.435).

A pesar da decepción Sieiro e Vallejo demostraron estar moi preto dos postos de privilexio no primeiro ano dun novo ciclo olímpico, que encaran coa ilusión de chegar a Tokyo.

Tampouco lle foron ben as cousas á cinco veces olímpica Teresa Portela, cuarta na semifinal do K-1 200 metros e que tamén afrontará a final B.

Tamén competiu en Racice o ex-padexeiro do Poio Daniel Durán (Kayak Tudense), sexto na semifinal do C-1 1.000 metros e quedando por tanto fóra da final principal na canoa longa.