Exitosa xornada para o piragüismo pontevedrés a vivida á primeira hora deste mércores no complexo deportivo David Cal Pontillón do Castro de Verducido, onde a Real Federación Española de Piragüismo celebra o último control selectivo da tempada para confeccionar o equipo nacional nas grandes competicións estivais.
Os padexeiros locais coparon as prazas dispoñibles nas diferentes categorías para participar en eventos como os Xogos Europeos de Minsk (Bielorrusia) a mediados de xuño, a Copa do Mundo de Duisburg que se disputa a final deste mes ou o Mundial Sub-23 de Pitesti (Romanía).
A xornada comezou coa proba de C-2 1.000 metros sénior, onde Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio Pescamar) defenderon con autoridade a súa condición de favoritos para conseguir o pase á Copa do Mundo e aos citados Xogos Europeos. Vallejo e Sieiro venceron cun tempo de 3:45.350, con máis de 1 segundo de vantaxe sobre Noel Domínguez e David Fernández, que tamén clasifican para o Europeo, e máis de 3 sobre os terceiros clasificados, a parella Hugo Alberto Pedrero-David Barreiro.
A mesma recompensa logrouna no C-2 500 metros a pontevedresa Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) xunto á súa compañeira, a valisoletana Patricia Coco, superando con autoridade a María Pérez (O Muíño) e María Corbera, segundas con plaza para os Xogos Europeos, e á pontevedresa Carla Sieiro e Gema Martínez, terceiras.
A festa local completouna na proba de kaiak individual sub-23, o K-1 200 metros, Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra), conquistando a praza dispoñible para o Campionato do Mundo da súa categoría. Impúxose nunha emocionante quenda a Elisa Zapata (Aranxuez) e Mirella Vázquez (Fresno de la Ribera), segunda e terceira clasificadas.
O control selectivo no encoro de Pontillón do Castro contará aínda con dúas xornadas máis de competición, ata o vindeiro venres 17 de maio.