Resolveu o Pontevedra o primeiro dos tres partidos amigables que disputará en tan só catro días, cunha cómoda vitoria fronte ao Mondariz, nun choque con dominio absoluto e bo xogo no primeiro tempo e máis nivelado no segundo, no que a pesar de todo puido obter un resultado máis amplo.
Volveu apostar Luismi de saída por un once con trazas de "titular", repetindo case por completo o mesmo equipo inicial que xogou en Vilalba, coa única variante de Álex Fernández por Sana, pero a diferenza do choque da Magdalena, e quizais tamén como consecuencia da menor categoría do rival que milita en Preferente, nesta ocasión a balanza inclinouse pronto ao lado granate.
Con dominio absoluto dos granates, aínda non se chegara ao primeiro cuarto de hora de xogo cando Álvaro Bustos abría a conta, cun certeiro remate de cabeza. Pouco despois, nada máis cumprirse a media hora, Adiguibe facía o segundo, repetindo como goleador por segundo partido consecutivo.
O Pontevedra estaba a deixar moi boas sensacións, non dando opcións ao rival con presión moi alta e rápidas combinacións, que non eran capaces de frear o voluntarioso equipo local.
A superioridade dos de Luismi tería aínda maior recompensa antes de retirarse ao descanso, cun terceiro gol conseguido tamén por Álvaro Bustos, cun gran lanzamento de falta directa.
Pero a segunda parte foi outra historia. Luismi, que de saída deixou no vestiario a Adiguibe, introduciu nove cambios ao pouco de pasada a hora de partido, para dar minutos aos mozos, e o xogo do equipo acusouno, permitindo que o Mondariz respirase sen tantos abafos e mesmo se atrevese a asomarse esporadicamente á área granate, aínda que sen excesivo perigo.
Aínda así, nos últimos minutos Rivera e Guisande dispuxeron de claras oportunidades para ampliar a conta, pero non acertaron no remate.
Destacar a incorporación de Pol Bueso, que comeza así a sumar os seus primeiros minutos en partidos co equipo, tras superar a lesión muscular que ata agora mantíñalle fóra dos amigables.
MONDARIZ F.C. (0): Rulo (Álvaro, min. 46); Gochi, Brais Groba (Pichu, min. 46), Julián, Lucas Carminati (Pensi, min. 46); Jesús, Raúl Lago (Diego Alberto Assis, min. 46); Davo, Hugo Tei (Brais Paz, min. 70), Varela (Víctor, min. 22); e Diego Estévez (Zurdo, min. 46).
PONTEVEDRA C.F. (3): Edu; Nacho López (Santi, min. 65), Campillo (Garrido, min. 65), Víctor Vázquez (Pol Bueso, min. 65), Naveira (López, min. 65); Berrocal (Ángel, min. 65), Álex Fernández (Sana, min. 65); Javi Pazos (Rivera, min. 65), Romay (Antón, min. 65), Bustos (Guisande, min. 65); e Adighibe (Javi López, min. 46).
Árbitro: Berissimo Nogueira (Vigo). Amoestou a Julián e Hugo Tei, do Mondariz.
Goles: (0-1) Minuto 12. Álvaro Bustos. (0-2) Minuto 31: Adighibe. (0-3) Minuto 43: Álvaro Bustos.
Incidencias: Campo Municipal da Lagoa (Mondariz). Trofeo Peña de Francia. Uns 200 espectadores.