Agridoce bronce de Iván García na final do Grand Prix, ao quedar sen praza olímpica

Marín
04 de decembro 2023

Ao deportista marinense, afectado o último ano a nivel de ranking por unha lesión de xeonllo, só lle valía a medalla de ouro en Manchester para meterse entre os cinco primeiros da clasificación e facerse cunha praza directa para os Xogos Olímpicos de París 2024

O taekwondista Iván García nos Xogos Europeos de Polonia 2023
O taekwondista Iván García nos Xogos Europeos de Polonia 2023 / COE

Iván García rozou a clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024, pero quedou sen premio na final do Grand Prix celebrada esta fin de semana en Manchester.

Era unha empresa complicada e é que o marinense do Mat's viuse afectado este ano a nivel de ranking por unha lesión de xeonllo. Xa recuperado, lograra ascender ao undécimo posto antes da cita que pechaba a fase de clasificación olímpica, pero só os cinco primeiros levaban o billete a París.

Para conseguilo na final do Grand Prix, que repartía 100 puntos ao gañador, Iván necesitaba xusto iso, levar a medalla de ouro.

O deportista bolseiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva demostrou no gran evento do ano estar de novo ao máximo nivel, e subiu ao podio, pero cun bronce agridoce.

Iván García comezou o seu torneo eliminando un duro rival, o uzbeko Nikita Rafalovich, por un apertado tenteo de 2-1, e remontou despois ante o koreano Sanghyun Kang (2-1) para avanzar ata as semifinais. Alí esperáballe o brasileiro Maicon Siqueria, nun combate na que a presión polo resultado foi unha laxa para o deportista do Mat's, que acabou cedendo por 0-2.

A pesar da decepción a porta de París 2024 non se pecha aínda por completo para o marinense, pero queda a expensas dun duro Preolímpico para o que case non se reparten prazas. Nivel para estar nel demostrou que o ten.