Alacante espera a un Condes de Albarei Teucro que pon o 'modo Copa'

Pontevedra
17 de outubro 2017

O equipo pontevedrés afronta este mércores (18:00 horas) a segunda rolda da Copa do Rei, competición na que debuta esta tempada cunha eliminatoria a partido único na cancha do Agustinos de Alacante, equipo que milita na División de Honra B

Quique Domínguez durante un adestramento do Teucro
Quique Domínguez durante un adestramento do Teucro / Mónica Patxot

Quenda do torneo do K.O. para o Condes de Albarei Teucro, que aparca por unhas horas os seus obxectivos na Liga Asobal para frontar o seu debut esta tempada na Copa do Rei de balonmán.

O conxunto pontevedrés disputará este mércores (18:00 horas) a segunda rolda da competición cunha eliminatoria a partido único na pista do Agustinos de Alacante, equipo que milita na División de Honra B.

"Non cometeremos o erro de pensar que será un partido fácil", asegura Quique Domínguez, para quen xogar a partido único e en campo contrario "sempre é complicado".

A pesar de ser un recentemente ascendido á categoría, o Agustinos é o máximo goleador da categoría e marcha na quinta posición con 6 puntos, os conseguidos con senllas vitorias nas tres primeiras xornadas de liga. Con todo chegará á cita tras encadear dúas derrotas consecutivas.

Foi un longo desprazamento para os azuis, que pretendían viaxar a Alacante o mesmo día do partido en avión pero que tiveron que desprazarse finalmente en autobús durante a noite do luns ao non poder adecuar os voos ao horario escollido polo club local. Esta situación provocará ademais que o encontro de liga do próximo domingo ante o Ángel Ximénez se atrase á mañá do domingo (12:00 horas) buscando unha mellor recuperación.

O plantel teucrista, que segue contando coas baixas por lesión de Johnny Medina e Óscar Silva, quere resarcirse en Copa da última derrota en Huesca, nun encontro que será arbitrado polos cataláns Luque Cabrejas e Pascual Sánchez.