"O equipo está a xogar ao límite do que ten". Con estas palabras resumiu este xoves Rubén Domínguez a situación que atravesa o Pontevedra Club de Fútbol, agradecendo o esforzo e implicación dos seus xogadores.
Fíxoo a 48 horas de enfrontarse a domicilio ao Talavera (sábado, 16.15 horas) na segunda saída consecutiva en liga, e tras confirmar que non poderá contar para este partido cun dos seus fixos no once, Alain Ribeiro.
"Quero agradecerlle, porque xogou por e para o equipo e lesionouse. Xogou infiltrado e aguantou o que aguantou", explicou o técnico sobre a participación e lesión de Ribeiro en Mérida.
"Estamos a forzar xogadores, tirando deles con demasiada carga de minutos, con demasiada esforzo, con demasiado desgaste tanto emocional como físico", afirmou Domínguez enumerando os problemas e molestias de varios dos seus homes: "Álex non somos capaces aínda de recuperalo, temos que seguir esperando. Garay non acaba de atoparse do todo ben e a ver si pode ir entrando de novo aos poucos. Brais xa está dispoñible pero xa vedes que tamén vai entrando aos poucos, Alberto Gil tamén está dispoñible pero viña dunha lesión longa en Guadalaxara e logo Emili e Joao, xunto con Tiago, xogaron con molestias, Tiago mesmo con dor", revelou.
A pesar deles as únicas baixas para viaxar a Talavera son a referida de Alain e a do capitán Álex González, sumándose á causa unha nova peza como o recentemente fichado Diego Gómez.
Respecto do período de fichaxes, Rubén Domínguez defendeu estar "moi satisfeito" cos movementos realizados, asegurando que "agradezo á presidenta, a todos no Consello de Administración e ao club o esforzo que fixeron, porque creo que se sacaron pezas que non estaban a xogar, e metéronse pezas de bo nivel que creo que veñen sabendo onde veñen e dispostos a sumar e a achegar ao grupo. Son xogadores de rendemento inmediato e para xogar xa".
O técnico non pechou a porta a máis incorporacións, pero non ve posible que se pechen a tempo para a próxima xornada de liga xa que "mañá viaxamos, e como non veñan adestrar mañá, vai ser difícil que poidamos telos para a fin de semana".
No que se refire ao partido en Talavera, o adestrador granate fixou como obxectivo, tras dúas semanas complicadas, "tentar recuperar o noso nivel de xogo, o noso nivel de enerxía e conseguir esa vitoria que nos permita seguir sumando puntos e achéguenos ao obxectivo".
Todo iso fronte a un rival que marca xustamente os postos de descenso pero que "eliminou un equipo de fútbol profesional na Copa do Rei, que empatou o outro día contra o Celta B, que gañou partidos na casa, porque nos seus campos fanse fortes, e que ten bos xogadores", avisou Rubén Domínguez.