Alarcos Ciudad Real imponse ao Cisne (32-28) e aperta a loita polo play-off

Pontevedra
29 de xaneiro 2017

Era un partido clave e unha excelente oportunidade para afastar a un rival directo, pero Alarcos Ciudad Real non se deixou sorprender por un Cisne ao que sentenciou unha fochanca de xogo entre o minuto 39 e 45 de partido, no que non conseguiu marcar, encaixando un parcial de 4-0 que puxo o marcador cunha diferenza de cinco para os manchegos, imposible de remontar polos de Jabato

Andrés Sánchez no partido entre Cisne e Alarcos
Andrés Sánchez no partido entre Cisne e Alarcos / Diego Torrado

Era un partido clave e unha excelente oportunidade para afastar a un rival directo, pero Alarcos Ciudad Real non se deixou sorprender por un Cisne ao que sentenciou unha fochanca de xogo entre o minuto 39 e 45 de partido, no que non conseguiu marcar, encaixando un parcial de 4-0 que puxo o marcador cunha diferenza de cinco para os manchegos, imposible de remontar polos de Jabato.

Excesiva dependencia tamén na faceta ofensiva de tres homes: David Chapela, autor de sete goles, Javi Vázquez, que conseguiu dez e Andrés Sánchez, que fixo seis (23 tantos entre os tres), o que deixa clara a escasa achega do resto do equipo, pouco acertado na finalización.

Aínda por riba, Alarcos estivo máis intenso en defensa e soubo xogar mellor os momentos craves, aguantando as inferioridades numéricas sen sufrir consecuencias nin perder terreo.

Comezou ben o equipo pontevedrés, cun 0-2 de saída, ambos de David Chapela, para dar paso a un primeiro tempo nivelado, aínda que case sempre con iniciativa local. A mínima diferenza ao descanso (14-13) deixaba todo pendente para a segunda metade.

Os pontevedreses seguiron preto ata o minuto 39 (19-18), pero aí apagóuselles a luz durante seis longos minutos que aproveitou Alarcos para escaparse (23-18), mantendo esa vantaxe ata o últimos cinco minutos (30-25). Dúas exclusións seguidas nas filas de Alarcos permitiron ao Cisne achegarse con goles de Pablo Rey e Andrés Sánchez. Quedaban tres minutos, tempo suficiente para tentar o milagre, pero Candeleda abortou calquera posibilidade de remontada e Alarcos terminou igualando o parcial entre ambos, que de momento favorece ao Cisne pola diferenza xeral de goles.

Con este resultado, o atasco na loita polo play-off é tremendo, ao empatar a 20 puntos na disputa por dúas prazas de promoción Cisne, Alcobendas, Alarcos e Torrelavega.

Consulta aquí as estatísticas do partido Alarcos Ciudad Real-Cisne.