O Pontevedra Club de Fútbol resígnase a perder de forma inesperada un dos seus futbolistas por sanción para a próxima xornada.
Máis aló do agardado castigo a Miki Bosch, que cumprirá ciclo de amoestacións contra o Osasuna Promesas, os granates teñen case imposible contar tamén con Alberto Gil tras unha acción canto menos polémica.
O extremo foi expulsado no minuto 99 de partido cando se atopaba no banco tras ser substituído, en plena polémica polo gol anulado que podía ter suposto o triunfo contra o Lugo.
Unha acción que levantou rebumbio, cunha rotunda defensa do adestrador pontevedrés Rubén Domínguez ao seu futbolista na rolda de prensa posterior ao choque.
"O que non permito, e sabedes que nunca falo dos árbitros, é que inventen, e expulsaron a Alberto Gil inventando. Non sei o que porán na acta, pero foi Manu Barros o que tira unha botella, non Alberto Gil. No demais, esa interpretación, todos nos equivocamos, o primeiro eu, e non me vou a meter nunca no labor arbitral, pero nas mentiras non", afirmou o técnico ante os medis de comunicación.
Con todo a redacción da acta arbitral deixa pouco espazo ao recurso.
A colexiada do choque explica no seu escrito que Gil foi expulsado "por dirixirse a min nos siguentes termos en sinal de protesta - Isto é unha vergoña!".
Non fai referencia ao suposto botellazo que ocasionou o cartón vermello. Con imaxes ese aspecto podía ser demostrado como un erro manifesto, e por tanto dar pé a que Competición interviñese retirando o castigo.
Pola contra ao aludir unicamente a unha protesta preséntase especialmente complicado demostrar que non existiu, tendo en conta que o Xuíz Único apóiase simpre na presunción de veracidade da acta arbitral.
O Comité de Competición reunirase o vindeiro mércores 25 de febreiro, data na que se coñecerá a resolución do caso.
A acta arbitral do Pontevedra-Lugo reflicte ademais no apartado de incidencias que "tras finalizar o partido e ao chegar ao noso vestiario, observamos que o pomo da porta está roto, sen poder identificar ao infractor". Unha situación na que fontes granates apuntan cara un integrante do equipo visitante pero que tamén pode ser obxecto de sanción neste caso ao Pontevedra como club.