Alberto Salcedo repite medalla de ouro no Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta

Pontevedra
23 de febreiro 2015

O atleta da Gimnástica impúxose, ao igual que en 2013, na proba dos 200 metros lisos. Outros dous atletas do club pontevedrés foron finalistas nas súas probas

Alberto Salcedo no Campionato de España en pista cuberta 2013
Alberto Salcedo no Campionato de España en pista cuberta 2013 / Sociedad Gimnástica

Gran sabor de boca deixa na Sociedad Gimnástica o Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta celebrado durante a fin de semana na localidade malagueña de Antequera.

Alí Alberto Salcedo puxo o broche de ouro á actuación do seu equipo repetindo o primeiro posto logrado en 2013 nos 200 metros lisos.

Salcedo chegaba entre os favoritos e confirmouno primeiro nas eliminatorias e despois nunha final na que marcou un tempo de 21.29, marca persoal en pista cuberta.

Ademais dous dos seus compñeros do club pontevedrés lograron posto de finalista. Foron Lysvanys Pérez en altura, onde finalizou na quinta praza, e Julián Ortiz nos 60 valos, oitavo tras ter que abandonar na final debido a molestias físicas.

Ademais David Martínez logrou un noveno posto nos 3.000, Manuel Molinos foi undécimo en altura, ao igual que Sandra Carballo en Pentatlon, mentres Alberto Guerrero e Sergio García nos 800 e Gonzalo Sánchez nos 60 metros lisos non lograron dar a sorpresa caendo cortados nas eliminatorias.