Alejandro Gómiz, terceiro no Gran Premio Primavera e paso á fronte na xeral da Copa de España

Pontevedra
21 de marzo 2022

O ciclista do Froiz rozou o triunfo na cuarta cita puntuable da Copa de España Elite e Sub-23, celebrada este luns na localidade de Ontur, e ascende aos primeiros postos da clasificación xeral

Alejandro Gómiz (dereita) no podio do Gran Premio Primavera de Ontur
Alejandro Gómiz (dereita) no podio do Gran Premio Primavera de Ontur

Paso adiante do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na cuarta proba puntuable da Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo na estrada, celebrada este luns cunha nova edición do Gran Premio Primavera da localidade albaceteña de Ontur.

Alejandro Gómiz rozou o triunfo nunha xornada de tempo desapracible, e cos puntos sumados pega un importante estirón na xeral do certame para situarse no Top-10.

A choiva non detivo unha carreira con 172 quilómetros cun perfil que convidaba a unha chegada con moitos ciclistas na pelexa, xa fose ao sprint ou con algún fuxido impoñéndose ao grupo.

Foi o que pasou, nunha exhibición de Francisco Muñoz, ciclista do  Eolo- Kometa que botou un pulso ao grupo principal na última volta do circuíto impoñéndose con apenas dous segundos de vantaxe sobre Andoni López de Abetxuko (Caixa Rural) e Gómiz, terceiro.

Andrea Pietrobon (Eolo Kometa) entrou en cuarto lugar para colocarse como novo líder da xeral, mentres que a actuación do Froiz completouna Pedro Monroy entrando no posto 19 dentro do grupo principal.