Álex González, confiado en poder asaltar o liderado: "Estou seguro que centrándonos en nós vai chegar"

Pontevedra
09 de febreiro 2022

O capitán granate repasou este mércores a actualidade do equipo nun acto no que foi recoñecido como mellor xogador do mes de xaneiro. Asegura que a receita para poder chegar ao primeiro posto é "ser fieis ao que vimos facendo", esquecendo cando antes o tropezo de Leganés

Álex González durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón
Álex González durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

A derrota en Leganés non afectou nin un mínimo á confianza do Pontevedra Club de Fútbol, convencido de poder asaltar canto antes o liderado do Grupo I da Segunda RFEF que actualmente ocupa o Unión Adarve con cinco puntos de vantaxe.

"É moi complicado gañar todos os partidos en calquera categoría", defendeu Álex González este mércores nun acto no que foi distinguido como mellor xogador granate do mes de xaneiro.

O capitán recoñece que o tropezo do propio Adarve foi un alivio para eles aínda que "queda un pouco a espiña de que podías recortar". Con todo, iso non cambia o plan deseñado polo Pontevedra, que pasa por "ser fieis ao que vimos facendo".

"Témonos que centrar no noso, en sumar nós, e estou seguro que centrándonos en nós vai chegar", sinala seguro un González que pasa por ser un dos homes máis regulares do plantel.

Esquecido o sucedido ante o filial do Leganés, no horizonte aparece para os granates a visita a Pasarón dun Bergantiños que "vén facéndoo ben", eloxia o extremo zurdo poñendo sobre aviso ante o que está por vir, xa de aquí ao final de liga "practicamente todo o mundo vai estar xogándose algo", o que fará se cabe máis complicado facerse cos puntos en xogo.