Alóngase a crise no Arosa tras a derrota ante o Noia (0-2)

O Salnés
22 de setembro 2024

O Arosa está no pozo despois de sumar a súa terceira derrota consecutiva esta tempada. O equipo arousán, que segue sen marcar, perdeu este domingo na Lomba contra o recentemente ascendido Noia por 0-2 e despediuse con asubíos por parte dun sector do público  

Once do Arosa contra o Noia
Once do Arosa contra o Noia / Arosa SC

O Arosa está no pozo despois de sumar a súa terceira derrota consecutiva esta tempada. O equipo arousán, que segue sen marcar, perdeu este domingo na Lomba contra o recentemente ascendido Noia por 0-2 e despediuse con asubíos por parte dun sector do público.

Os xogadores adestrados por Míchel entraron mal ao partido e pagárono cun gol aos cinco minutos de Marcos Piñeiro, que aproveitou un pase da morte do ex arlequinado Hugo Losada para facer o 0-1.

Aínda quedaba moito por diante pero seguían espesos en ataque, incapaces de pisar a área dun rival que se atopaba cómodo.

Co paso dos minutos o Arosa foise facendo dominador, pero apenas conseguiu xerar perigo ata o minuto 24. Iñaki cedeu a Concheiro, pero o seu disparo cruzado non viu portería.

A mellor ocasión, con todo, chegou no minuto 37. Carlos Torrado fixo unha parede con Iñaki e este puxo un pase atrás. Rivera rematou primeiro e despois Concheiro, ambos contra o gardameta Pedro Arufe.

Ao regreso dos vestiarios o Noia saíu a presionar alto cunha defensa moi adiantada e a punto estivo de facer o 0-2 tras un roubo en banda dereita.

Acto seguido Iñaki tivo un man a man co porteiro, pero un defensa despexou a córner. Os seguintes avisos chegaron dun remate de Dani á saída dun córner, un centro chute de Torrado e un disparo ao traveseiro de Romay.

E dun posible 1-1 pasouse ao 0-2. Pacheco perdeu o coiro no medio campo e Tobías encarou a Álex Vila e bateuno por abaixo. 

O gol sentou como xerro de auga fría ao Arosa, que quedou sen capacidade de reacción e terminou caendo diante dunha afección decepcionada que esperaba moito máis deste grupo.