Álvaro Bustos, entre algodóns por un golpe no pé

Pontevedra
02 de outubro 2019

O futbolista asturiano exercitouse este mércores a menor ritmo que os seus compañeiros, aínda que o técnico confía en que se recupere a tempo para a próxima xornada de liga ante o Atlético de Madrid B

Álvaro Bustos durante un adestramento do Pontevedra
Álvaro Bustos durante un adestramento do Pontevedra / Mónica Patxot

A volta ao traballo do primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol trouxo consigo unha noticia preocupante para os granates, e é que Álvaro Bustos non se recuperou aínda dun forte golpe no pé sufrido no duelo do pasado domingo en Oviedo.

O futbolista asturiano, peza clave en equipo, exercitouse a menor ritmo que os seus compañeiros na sesión celebrada no campo de Cerponzóns ao non remitir as molestias despois da xornada de descanso do martes. 

A pesar diso Luismi sinalou na súa habitual comparecencia ante os medios de comunicación que espera que o extremo se recupere a tempo para o duelo do próximo domingo ante o Atlético de Madrid  B.

Os que seguro non estarán contra o filial colchoneiro serán Campillo, que segue recuperándose dunha lesión muscular, e os sancionados Nacho López e Berrocal, tendo en conta que a Xuíza Única de Competición confirmou a suspensión dun encontro a cada un deles polas súas respectivas expulsións.

Pola súa banda, tras un inicio de tempada minguado por un problema no nocello, Adighibe "está mejor y ya incluso se entrena sin dolor", confirmou Luismi, que espera aos poucos poder ir vendo a mellor versión do dianteiro.