Álvaro Fernández Fiuza, campión por sétimo ano seguido no Descenso Internacional do Sella

Pontevedra
06 de agosto 2016

O padexeiro pontevedrés e o seu compañeiro, o asturiano Walter Bouzán, volveron facer historia na 80 edición da prestixiosa proba ao impoñerse con autoridade na categoría de K-2

Bouzán e Álvaro Fernñandez Fiuza tras gañar o seu sétimo Descenso do Sella
Bouzán e Álvaro Fernñandez Fiuza tras gañar o seu sétimo Descenso do Sella / TPA

O pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza e o asturiano Walter Bouzán volveron a facer historia ao impoñerse no 80 Descenso Internacional do Sella.

É a sétima vez consecutiva que o fan, récord absoluto, tras unha edición na que dominaron a categoría de K-2.

No primeiro tramo da proba, de case 20 quilómetros, foi unha parella galega a que levaba a voz cantante, Brais Sánchez e Antonio Palma, pero Fiuza e Bouzán mantíñanse preto e pronto empezaron a marcar diferenzas para marchar en solitario río abaixo cara a Ribadesella.

Impuxéronse cun tempo de 1 hora, 7 minutos e 43 segundos, con case medio minuto de vantaxe sobre os segundos clasificados, o cántabro Julio Martínez e o leonés Julián Becerro. Terceiros foron os galegos Brais Sánchez e Antonio Palma.

En K-1 a vitoria foi para o asturiano Kiko Vega na proba masculina e para a irlandesa Jennifer Egan na feminina. Pola súa banda Aurora Figueras e Olatz Zabala gañaron no K-2.

Participaron no Descenso Internacional do Sella un total de 1.179 padexeiros de 20 países.