Álvaro Fernández Fiuza e Perucho únense coa esperanza de chegar a Río 2016

Pontevedra
17 de febreiro 2016

O padexeiro pontevedrés abandona momentaneamente o maratón para unirse co cangués Carlos Pérez 'Perucho' e tentar conseguir unha praza olímpica no K-2 1.000 metros en augas tranquilas. Cíta clave, o control selectivo que a Federación Española ten previsto realizar en maio

Perucho e Álvaro Fernández Fiuza durante un adestramento en Asturias, onde residen
Perucho e Álvaro Fernández Fiuza durante un adestramento en Asturias, onde residen / Álvaro Fernández Fiuza

"Aínda que os dous sabemos da dificultade, gústannos os retos e as cousas difíciles e, esta é unha delas". Con esas palabras e actitude positiva explica Álvaro Fernández Fiuza, tres veces campión do mundo de piragüismo maratón, o seu novo obxectivo, acudir aos Xogos Olímpicos de Río 2016.

Faltan poucos meses e a maioría de prazas están xa adxudicadas, de aí o complicado dun reto que "xurdiu nas primeiras semanas deste ano, falando co meu compañeiro de entrenos", desvelou o pontevedrés a través do seu blogue persoal.

Ese compañeiro é o cangués Carlos Pérez 'Perucho', ouro olímpico en Pequín, con quen decidiu volver ás augas tranquilas e buscar o billete para Brasil no K-2 1.000 metros. Para iso cita clave será o control selectivo que ten previsto organizar a Federación Española o próximo mes de maio.

"A pesar de ser un obxectivo a curto prazo co meu novo compañeiro de K-2, esta alianza esperamos prolongala no tempo", sinala un Fiuza disposto a "padexar por un soño, como é unha clasificación olímpica, sabendo o dificil que é e cos pés na terra".

Aínda que esta decisión supón aparcar momentaneamente a súa especialidade, o maratón, nun ano no que Pontevedra acollerá o Campionato de Europa da especialidade, Álvaro Fernández Fiuza explica que a súa alianza no K-2 de maratón con Walter Bouzán non se rompeu, e que se "as lesións nolo permiten" buscarán en agosto unha nova vitoria no Descenso Internacional do Río Sella, que gañaron o últimos seis anos de maneira consecutiva.