Primeiro día como xogador do Pontevedra Club de Fútbol para Álvaro Pérez.
O primeiro reforzo invernal dos granates sumouse este mércores aos adestramentos do primeiro plantel, e despois foi presentado oficialmente no Estadio Municipal de Pasarón acompañado do coordinador da secretaría técnica, Jacobo Maestre.
"Levo bastante tempo falando co míster. A verdade que a chegada foi espectacular. A cidade é incrible e o vestiario desde que cheguei acolleume moi ben", explicou o defensor.
Aínda que chega sen competir na primeira volta, tras desvincularse no verán do Intercity alacantino, Álvaro Pérez asegura que aterra na Boa Vila "ben, estiven coidándome ao máximo, estiven adestrando, non me deixei e todo iso axuda á adaptación no equipo".
Sinala ademais o central que non dubidou ante a chamada do Pontevedra, e é que "cando chama un equipo así que vai tan arriba, cunha afección, con cidade, que o míster che quere, creo que é moito máis sinxelo".

Asina só até final de tempada, e por iso afirma que a prioridade para el é "gozar do fútbol estes cinco meses, que levo xa bastante sen iso e logo deus dirá", aínda que seguir "a min me gustaría".
A nivel individual "aínda que pareza que eu son moi tranquilo, a verdade que teño bastante carácter dentro do campo, son moi pasional por así dicilo e voume a deixar todo pola camiseta", afirmou o novo futbolista granate.
Toda unha declaración de intencións dun xogador que en todo caso "o único que veño é achegar, axudar. Si teño que xogar ben e se non pois a seguir axudando", contestou a preguntas dos xornalistas na súa primeira comperecencia como integrante do Pontevedra Club de Fútbol.
Álvaro Pérez está en disposición de poder debutar co seu novo equipo xa na próxima xornada de liga, na visita ao campo do Real Avilés.