Amargo adeus do Marín Futsal en cuartos de final de Copa da Raíña (1-2)

Marín
28 de abril 2023

De novo o STV Roldán, como hai un ano, deixou o Marín Futsal sen pase ás semifinais de Copa da Raíña tras vencer no encontro de cuartos de final da competición que se disputou este venres en Boadilla del Monte

Partido de cuartos de final de Copa da Raíña entre Marín Futsal e STV Roldán
Partido de cuartos de final de Copa da Raíña entre Marín Futsal e STV Roldán / RFEF

Adeus ao soño copeiro do Marín Futsal. De novo o STV Roldán, como hai un ano, foi verdugo do cadro marinense no primeiro partido da fase final do torneo, celebrado este venres en Boadilla del Monte.

Acudía con ilusión o cadro marinense na súa segunda presenza consecutiva na fase final, pero na primeira metade tivo que sufrir o alto ritmo imposto polo seu rival murciano, actual sexto clasificado na liga de Primeira División.

O duelo comezou con moito ritmo e alternativas, aínda que aos poucos o Roldán foise facendo co dominio. Lola avisaba de feito cun potente disparo cruzado que Silvia Aguete rexeitaba co pé.

A gardameta internacional pontevedresa sostiña un Marín Futsal ao que lle custaba profundar, sacando un man a man ante Carmen. De feito o primeiro achegamento das de Ramiro Díaz con perigo non chegou ata os nove minutos de xogo, nunha acción de María León baixando con calidade un envío en longo de Café e disparando coa punteira. Cristina rexeitou con apuros.

O Roldán rozaba o tanto nunha acción de Consuelo ante Silvia. Non o aproveitou e a gardameta sorprendeu na seguinte acción facendo o 1-0. Era o minuto 11, María León cedía a Silvia e a porteira, desde a frontal da súa área, conectaba un disparo que collía descolocada á arqueira do Roldán e coábase no fondo da portería.

O tanto non cambiou o panorama, cun Roldán que insitía no seu asedio. O Marín Futsal defendíase, ata que a catro minutos para o descanso Noe Montoro gañaba as costas á zaga ao segundo pau e aproveitaba un envío cruzado para facer o empate.

O equipo murciano non afrouxou e gozou de máis opcións para desnivelar o marcador, o que lograría cun gol de moito mérito de Consuelo a un minuto do descanso. Saque de esquina, disparo desde a frontal e a xogadora murciana desviaba con calidade de tacón para poñer o 1-2. Así se chegaba ao descanso, e tocaba remontada para seguir con vida na Copa.

Abaixo no marcador, o Marín Futsal quixo dar un paso adiante tras o paso por vestiarios para ir a por o empate. Aínda así a primeira foi para o Roldán, nunha rápida contra que atallou unha vez máis Silvia.

Ás xogadoras do Morrazo custáballes saír da presión do seu rival, e aínda que o tentaban o que chegaban eran novas ocasións murcianas. O bo facer da gardameta titular da Selección Española impedía que a desvantaxe crecese e mantiña ao seu equipo no partido e na eliminatoria.

Non foi ata case o ecuador do segundo acto que chegou unha boa ocasión para o Marín, nas botas de Ceci, cun disparo desde campo propio que Cristina despexou negando o gol. Pouco despois Ale de Paz gozaba dunha falta perigosa que estrelaba no corpo da porteira. Aínda que sen premio, a dobre ocasión renovou as enerxías das xogadoras adestradas por Ramiro Díaz. Quedaban 10 minutos por xogar e querían apurar as súas opcións.

Puido conseguir o empate María León a falta de pouco máis de catro minutos, pero quedou sen espazo. O tempo seguía correndo e cada vez era máis escaso, así que Ramiro Díaz pedía tempo morto para introducir o xogo de cinco en cancha. Era todo ou nada. Saíu cruz.

Café rozouna en apenas uns segundos e máis tarde Lara Balseiro, pero o STV Roldán defendeuse con intensidade e acerto pechando a porta e levándose o billete en xogo para as semifinais da Copa da Raíña. Estivo preto, non puido ser. O soño copeiro terá que esperar polo menos un ano máis.