Amérigo, baixa inesperada dun Teucro "mentalizado" ante o importante partido contra o Go Fit Sinfín

Pontevedra
11 de febreiro 2016

O Teucro enfróntase este venres (20:45 horas no Municipal) a un rival directo pola permanencia en Asobal como é Go Fot Sinfín coa ausencia do seu gardameta titular polo inesperado falecemento do seu pai. O persoal quere gañar "por el equipo y también por nuestro compañero", sinalou na previa Andrés Delgado

Richi Amérigo durante un adestramento do Teucro no Municipal
Richi Amérigo durante un adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

"Conscientes y mentalizados para afrontar este tipo de partidos". Así afronta a Sociedad Deportiva Teucro a visita ao Pavillón Municipal dos Deportes dun rival directo pola permanencia, o Go Fit Sinfín (venres, 20:45 horas), segundo recoñece o seu adestrador, Quique Domínguez.

Os azuis xogan na casa despois de moitas semanas de ausencia e fano ante un equipo, o cántabro, en forma tras sumar o últimos oito puntos en liza e "peligroso cuando está cómodo en la pista".

O Teucro deberá sobrepoñerse ademais á baixa inesperada do seu gardameta Ricardo Amérigo, que se atopa en Almería debido ao falecemento do seu pai. Unha noticia "muy triste para todos" pero que, desde a dor, os seus compañeiros toman como "un aliciente más, ganar por el equipo y también por nuestro compañero", sinalou o que será o seu substituto baixo paus, Andrés Delgado.

Por ese motivo completará a convocatoria pontevedresa o gardameta do filial Anxo Otero, nunha lista na que non se esperan máis ausencias ao mellorar das súas molestias os tres tocados: García Pichel, Chapela e Edu Moledo.

Ademais de ter que superar o "duro" 6-0 defensivo característico do Sinfín, Quique Domínguez busca minimizar "esos baches que tenemos y que nos cuestan caro, aunque es verdad que pasa más veces fuera de casa", declarou o técnico.

No bando cántabro, pola súa banda, a única dúbida coa que viaxa o equipo é o estado físico de Óscar Río, rengueante por mor dunha rotura de fibras.

Os árbitros do encontro serán os irmáns Juan José e Carlos Javier Gude Prego, do colexio vasco.

CAMPAÑA DE ABONADOS PARA A SEGUNDA VOLTA

Aproveitando a rolda de prensa previa ao choque ligueiro, o Teucro presentou a campaña de abonados para a segunda volta, na que os carnés de socios custarán exactamente a metade que a principio de tempada.

Ademais, desde o club sinalaron que se cumpriu o obxectivo social desta tempada, ao contar actualmente con 1.088 socios.