Ampla representación pontevedresa no Open de Croacia de Taekwondo

Pontevedra
06 de novembro 2015

Galicia despraza a unha selección composta por 13 deportistas, aos que se unen a marinense Katya Calvar e o pontevedrés Javier González dentro do equipo nacional. Xián Silva é baixa por lesión

Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo 2015
Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo 2015 / Diego Torrado

O taekwondo pontevedrés ten unha importante cita esta fin de semana en Croacia no Open de categoría G-1 que se organiza na capital do país.

Alí acudirá unha ampla representación de deportistas da comarca dentro dos equipos galego e nacional, en busca de sumar importantes puntos no ránking mundial.

A proba contará coa participación de preto de 1.400 taekwondistas nas categorías cadete, junior e senior, cun alto nivel na súa inscrición.

Galicia despraza ao Open de Croacia a un equipo composto por 13 deportistas, entre os que se atopan Nicolás Argibay (-79 junior) do Taekanart, Sara Cortegoso (-46 junior) do Mace Sport e Rubén Troitiño (-73 junior) e Pablo Fernández (-80 absoluto) do Mat's de Marín. Tamén competirá o pontevedrés Borja Ríos (-63 absoluto), actualmente nas filas do Hebe.

Ademais dentro da Selección Española atópanse Katya Calvar (-67 absoluto) do Mat's e Javier González (-63) do Mace Sport.

O que non viaxa por lesión é o tamén pontevedrés Xián Silva, que estaba convocado polo equipo nacional.

A competición senior está programada para as xornada do sábado 7 de novembro, mentres os cadetes competirán o domingo.