Amplo despregamento do taekwondo pontevedrés nos campionatos de España sub-21 e cadete

Pontevedra
29 de abril 2016

Mace Sport, Taekanart e Mat's desprazan a Valencia a 15 deportistas para disputar unha competición clave na tempada dos sub-21, xa que é clasificatoria para o Campionato de Europa 

Equipo galego no Open de Holanda de taekwondo
Equipo galego no Open de Holanda de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Importante cita para o taekwondo pontevedrés en Valencia, no Campionato de España Sub-21 e Cadete que reunirá no Velódormo Luis Puig a preto de 900 deportistas.

Entre eles estarán 15 representantes de Mat's de Marín e Mace Sport e Taekanart de Pontevedra.

A cita cobra especial importancia na categoría sub-21, posto que é clasificatoria para unha das grandes competicións da tempada, o Campionato de Europa da categoría.

Nesa idade desprázanse a Valencia Uxía Ogea, Sara Cortegoso, Jessica Blanco e Javier González representando ao Mace Sport; Iván García, Salvador Barros, Pablo Fernández e Rubén Troitiño do Mat's e Nicolás Argibay do Taekanart.

En canto á categoría cadete, acudirán ao campionato Noh Pereira do Mat's e Nerea Piedras, Oihana Gallego, Sheila Dozo, David Rodríguez e Xián Rodríguez do Taekanart.