Ángel Rodríguez avisa: "Se hai relaxación, hai saída do once"

Pontevedra
06 de novembro 2021

O Pontevedra visita este domingo, a partir das 11 horas, ao líder Unión Adarve coas baixas por lesión de Rufo e Iñaki e coa única dúbida de saber quen acompañará a Charles na punta de ataque

Partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Coruxo
Partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Coruxo / Cristina Saiz

O Pontevedra afronta este domingo, a partir das 11 horas, un partido transcendental. Os granates visitan ao Unión Adarve, primeiro clasificado do grupo e fano inmersos nunha dinámica positiva que pode achegar aos de Ángel Rodríguez a un só punto do liderado. É por iso, que o técnico pide aos seus que manteñan a concentración e o nivel de esforzo. "Se hai relaxación, hai saída do once. Os xogadores coñécenme bastante", afirma.

Para manter a tensión no vestiario, engade Rodríguez que cando fai cambios adoitan ser duradeiros. "Eu non son un adestrador que adoita cambiar moito aos xogadores do once, co cal cando lle dou a posibilidade a outro de que o faga e faino ben, mantéñoo", recoñece en referencia, pero sen citar, os casos de Miguel Román ou Álex González como lateral.

A pesar de que por nome ou historia os rivais do Pontevedra este ano poden parecer inferiores, Ángel Rodríguez pide a toda a contorna que hai que ter os pés no chan, saber en que categoría está o club e non infravalorar ao resto de equipos. "Gañar calquera partido é complciado, non hai rival sinxelo", remarca.

"O equipo débese manexar en que non hai rival fácil e que hai que traballar con humildade. Senón poñemos o que pon o contrario en canto a esforzo e traballo, dificilmente imos conseguir vitorias. Volverémonos un equipo vulgar. Temos que equilibrar iso e logo, coas condicións que temos, estou convencido de que estaremos máis preto da vitoria que doutra cousa", argumenta nun discurso que podería asinar o propio Luisito.

Por estes motivos, Rodríguez deu tanto valor ao triunfo conseguido o pasado domingo fronte ao Coruxo.

"Ten que quedar reflectido no noso ADN que para gañar hai que sufrir, haberá momentos no que o rival vai ser superior e hai que convivir con esas avalanchas, saber que terás o teu momento no partido e aproveitalo. Cando consigas facelo vas ser un equipo máis complicado e máis completo. Ningún equipo está unha tempada enteira sendo superior a todos os seus rivais", engade o preparador.

Para conseguir a vitoria, non poderá contar o técnico leonés con Rufo, que segue recuperándose da escordadura de nocello, nin con Iñaki, que padece gripe. Aínda así, todo apunta a que Rodríguez manterá o mesmo esquema que tan bo resultado deu nas últimas xornadas, pero non desvela quen será o acompañante de Charles na punta de ataque. 

"Tentaremos complementar a Charles cun xogador que lle achegue. Xa traballamos cos xogadores que podían ocupar esa demarcacion. Senón é Romay será outro. É importante que, con vento a favor, vaian entrando xogadores que non o fan habitualmente e váianse axustando", explica o adestrador, que tampouco dá por feito que vaia a manter o esquema de xogo.

"É importante que podamos manexarnos en varios sistemas porque haberá equipos que van ternos a medida colleita e o equipo debe evolucionar", matiza.

O bo momento que atravesa o rival e as características do seu campo, pequeno e de herba artificial, serán tamén decisivas no devir do encontro. "A hora tampouco é habitual, pero é pareceida á que adestramos todos os días. O importante é manter a idea de xogo, o criterio que temos con balón, a aposta por ir gañar e ser un equipo dificil de bater e que cada vez conceda menos", resolve Ángel. 

Sobre o estilo de xogo do rival, recoñece que non é moi distinto ao resto de equipos da categoría. Pero hai unha diferenza, "está en dinámica de gañar e cunha confianza tremenda. Cando se poñen por diante, é complicado", puntualiza.

O demais, "un equipo que aperta despois de roubo, xoga cunha liña de catro atrás, con dous mediocentros, un de contención e outro máis creativo, ten velocidade nas bandas e un dianteiro en boa dinámica. Teñen o que teñen case todos os equipos de Segunda B", conclúe Rodríguez.