Ángel Rodríguez pide máis aos seus: "Hai que mellorar moitísimo"

Pontevedra
16 de agosto 2021

O adestrador do Pontevedra recoñece, despois dos dous últimos partidos de pretemporada, que ao seu equipo fáltalle "fluidez no fútbol, velocidade e sobre todo definición", aínda que se mostra comprensivo pola elevada carga de traballo á que está sometido o plantel

Partido de pretempada entre Pontevedra e Racing Villalbés en Baltar
Partido de pretempada entre Pontevedra e Racing Villalbés en Baltar / Cristina Saiz

"Hai que mellorar moitísimo". É a principal conclusión que extrae o adestrador do Pontevedra, Ángel Rodríguez, dos dous últimos partidos de pretemporada disputados polo cadro granate contra o Racing Villalbés e Xuvenil de Ponteareas, saldados ambos con vitoria para o cadro de Pasarón. Ao finalizar o choque do domingo, o preparador mostrouse moi crítico pero tamén comprensivo polo ofrecido polos seus xogadores. 

"O que vin gustoume a medias. Son dous partidos en menos de 24 horas e as pernas pasan factura. Entendemos que é parte da pretemporada porque a terceira semana é máis complicada para a asimilación do traballo", recoñece o técnico leonés. 

O Pontevedra encara agora a cuarta semana de traballo coa vista posta no partido contra o Deportivo, un dos amigables máis esixentes previstos antes do inicio da liga. "Fáltanos fluidez no fútbol, fáltanos velocidade e sobre todo definición. É certo que cando non estás ben de pernas, acúsase moito máis e é normal que suceda", admite Rodríguez.

Que o Pontevedra ofrecese unha imaxe mellorable nestes dous partidos non só é responsabilidade dos futbolistas granates, os rivais tamén os puxeron en aprietos. "Non é fácil, a pesar de que sexan equipos de inferior categoría, xogar contra eles. Son equipos ben armados, que se repliegan moito", argumentou o adestrador despois do partido disputado o sábado contra o Racing Villalbés, contra o que "por momentos fixemos bo fútbol".

O ritmo de traballo variará un pouco esta semana. "Esta cuarta semana vai ser de asimilación de conceptos, de traballar moito como queremos xogar e de abandonar un pouquiño, só un pouquiño, o apartado físico", declarou Ángel Rodríguez, despois de volver dar oportunidades a todos os seus xogadores para coñecer a fondo que pode ofrecer cada un cando comece a competición.

O próximo test de pretemporada do Pontevedra está previsto para o sábado, día 21, ás 19 horas no campo de Vista Alegre, en Ordes, contra o Deportivo.