Ángel Rodríguez reclama concentración para conseguir a primeira vitoria

Pontevedra
24 de setembro 2021

O Pontevedra visita este domingo ás 19 horas ao Bergantiños coa necesidade de sumar o seu primeiro triunfo e, para logralo, o adestrador granate anuncia cambios no once inicial

Partido de liga entre Pontevedra e Leganés B en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Leganés B en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra viaxa este domingo a Carballo coa necesidade de conseguir a súa primeira vitoria en liga. Despois de dous empates e unha derrota, os granates atópanse na zona baixa da táboa neste inicio de competición e a consecución do primeiro triunfo empeza xa a ser urxente.

"As sensacións son boas. Temos que eliminar eses momentos puntuais de falta de  concentracion", sinala Ángel Rodríguez como a clave para empezar a sumar de tres en tres contra o Bergantiños.

Coa única ausencia de Álex González por sanción, o técnico granate espérase "un partido complicado, nun terreo de herba artificial con moito caucho" e contra un equipo cuns "mecanismos de xogo xa adquiridos". Neste sentido, Rodríguez é consciente de que o Pontevedra debe saír ao campo das Eiroas a gañar, pero non quere dar por favorito ao seu equipo só polo nome.

"Aquí non vai haber ningún partido sinxelo. O Pontevedra non lle vai gañar a ninguén por historia, hai que poñerse o mono de traballo", advirte. 

Sobre os cambios anunciados polo adestrador tras a derrota contra o Leganés  B, Ángel Rodríguez asegura ter "moi claro o que vou facer" e recoñece que "vai haber algún cambio". Tampouco se arrepinte de criticar en público a algún dos seus xogadores, aínda que matiza que "o que dixen para un vale para todos".

Cuestionado sobre se el tamén fai autocrítica, o técnico recoñece como erros propios "poñer a algún que non debería poñer", pero non sente responsable do ocorrido durante o tempo de xogo.

"O que sucede no terreo de xogo forma parte dos implicados, que son os xogadores. Para algúns debín meter de entrada a  Rufo ou con outro  sistem, pero iso non xustifica que vaias gañar logo", conclúe o preparador leonés, quen asegura que nos tres partidos disputados ata a data o Pontevedra foi superior aos seus rivais.