Ángela Balado báñase en bronce no Mundial Cadete de Taekwondo

Marín
14 de maio 2025

A deportista do Mat's de Marín superou tres roldas para subir ao podio do Campionato do Mundo da súa categoría que se celebrou en Fujairah, Emiratos Árabes

Ángela Balado, coa medalla de bronce conseguida no Mundial Cadete Federación Galega de Taekwondo

Gran éxito para o taekwondo marinense e galego o que conseguiu Ángela Balado no Campionato do Mundo Cadete de Fujairah, nos Emiratos Árabes.

A deportista do Mat's de Marín colgou a medalla de bronce despois dunha actuación sobresaliente, na que superou tres roldas.

Balado, que competía no peso de +59 quilos, comezou a competición mundialista gañando a Mattar Mohammed (Arabia Saudita) en dous asaltos.

Na segunda rolda pola súa banda tivo que empregarse a fondo para superar en tres mangas a brasileira Vitoria Sassaki Ferreira.

Así chegou aos cuartos de final, nos que se enfrontou á grega Melina Georgi Kourelou. Ángela superou o reto en dous asaltos para plantarse na semifinal e asegurar medalla mundialista.

Faltaba saber a cor e se lograría chegar ao combate polo título, con todo viuse superada pola croata Loren Opacak, que a apartou da gran final.

Unha derrota por 0-2 que a deixou coa medalla de bronce.

Este resultado en semifinais non evita en todo caso a satisfacción pola súa boa actuación, xa que "corrixín erros que ás veces cometo e continuei traballando até o final", asegurou Ángela Balado en declaracións reproducidas pola Federación Galega de Taekwondo.