Córdoba foi escenario a fin de semana do Campionato de España Absoluto de Combate con grandes resultados para o taekwondo pontevedrés, e en especial para o Mat's de Marín.
Até tres dos seus deportistas como Iván García, Sergio Troitiño e Arlet Ortiz subiron ao máis alto do podio contribuíndo coas súas medallas de ouro á primeira posición por equipos que asinou a Selección Galega.
Iván García sumou o seu quinto título nacional ao vencer na categoría de +87 quilos. Superou no seu camiño ao ouro ao rioxano Raúl Martínez e ao aragonés Antonio Artal en dous asaltos, pero máis dura foi a final contra o madrileño Raúl Corredor, ao que venceu en tres rounds.
Sergio Troitiño revalidou o seu título de campión de España en -87 quilos, sendo a súa segunda coroa nacional consecutiva.
No seu caso para subir ao primeiro caixón do podio venceu o vasco Iván Mediavilla e o valenciano Alejandro Martín en dous asaltos. Así chegaba a unha final na que debía medirse a Cristóbal Pérez, pero o andaluz tívose que retirar por lesión no primeiro asalto do combate decisivo dando o título a Troitiño.
O terceiro ouro marinense conseguiuno Arlet Ortiz en -62 quilos, nun torneo no que a deportista do Mat's tivo que superar até catro enfrontamentos.
Impúxose por esta orde á cántabra Arene Rementeria, á valenciana Martina Di e á catalá Martina Torrents até chegar ao duelo polo campionato, no que foi mellor que a tamén catalá Elsa Secanell.
Nese mesmo peso chegou ademais unha meritoria medalla de bronce á moza caldense Ekaterina Rebón (Número Phi), tras gañar dous combates contra Irune Jiménez (Navarra) e Malén Montero (Castela-León) e caer en semifinais fronte a Elsa Secanell.