Á porta das medallas.
Así se despediu Ángela Balado (Mat's de Marín) do Campionato do Mundo Júnior de Taekwondo celebrado en Taskent, Usbequistán.
A deportista do club marinense protagonizou unha notable competición na categoría de +68 quilos, chegando até a rolda previa ás medallas, os cuartos de final.
En primeira rolda Balado superou a serbia Andrea Djordjevic (2-1), e tamén venceu despois a turca Gulnihal Sahin en dous asaltos.
Chegou así até os cuartos de final, nos que cedeu ante a checa Alice Binova en dúas apertadas mangas (4-1 e 4-3), unha rival que concluiría chegando á final e logrando a prata.
Tamén competiu no Mundial Júnior de Usbequistán un representante do Número Phi, Roi Fraga (-73 quilos), pero con menor fortuna.
Fraga perdeu no seu primeiro combate do torneo mundialista fronte ao kazako Zhan Shamuratov.
A participación galega completouna Thiago Segade (-55 kg, Natural Sport), despedíndose tamén no seu primeiro enfrontamento ao perder ante o sueco Kevin Johansson.