Ánimos de revancha para o debut do Cisne na Copa do Rei

Pontevedra
01 de outubro 2015

O club pontevedrés aparca a liga para recibr o sábado (17:30 horas) ao Juanfersa Gijón nos dezaseisavos de final do torneo do K.O. Ambos equipos enfrontáronse en liga con triunfo para os asturianos  

Edín Covelo durante o partido entre Cisne e Alcobendas
Edín Covelo durante o partido entre Cisne e Alcobendas / Diego Torrado

Cambio de terzo para o Club Cisne Balonmano, que este sábado afronta con ilusión o seu debut na Copa do Rei.

Os pontevedreses reciben no Centro Galego de Tecnificación (17:30 horas) ao Juanfersa Gijón, equipo ante o que perderon na segunda xornada da División de Honor Prata por 32-24.

Con todo esta é outra historia, unha competición diferente cuxos dezaseisavos de final dispútanse nunha eliminatoria a partido único, feito ao que se agarran nun cadro cineísta con ánimos de revancha.

"No primeiro partido de liga foi o Juanfersa o que se levou a vitoria, polo que o equipo ten moitas ganas de revancha e que mellor momento que no noso debut en Copa do Rei", recoñece Santiago Picallo.

O Cisne esqueceu xa a derrota da pasada fin de semana en Bordils e conxúrase para avanzar en Copa do Rei para poder xogar ante un equipo da máxima categoría, que no seu caso sería o Ángel Ximénez de Puente Genil, segundo o que deparou no seu día o sorteo.

A segunda rolda da competición xogaríase, tamén en Pontevedra, o día 28 de outubro.