Ánimos para o ABP Sport antes de viaxar ao Mundial de Kick Boxing

Pontevedra
14 de setembro 2018

Tres novos deportistas do club pontevedrés participarán en Venecia no Campionato do Mundo para as categorías cadete e júnior. Antes de partir cara a Italia foron recibidos pola concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey

María Rey recibe os deportistas do ABP Sport que competirán no Mundial de Kick Boxing
María Rey recibe os deportistas do ABP Sport que competirán no Mundial de Kick Boxing / Ciudadanos

A localidade italiana de Venecia será escenario desde este sábado e ata o día 20 de setembro do Campionato do Mundo de Kick Boxing para as categorías cadete e júnior.

Ata alí desprazaranse tres deportistas do ABP Sport pontevedrés, xunto ao seu adestrador José Manuel Santiago.

Trátase de Alfonso e Simón Riqueza (de 14 e 12 anos) e de Eugenia Coll (de 11 anos), incluídos na lista de 32 mozos e mozas que representarán a España na competición. Os tres, campións galegos e nacionais, tiveron que realizar unha preselección para ir ao Mundial, no que participarán máis de 2.000 deportistas de 62 países.

Antes de partir cara a Italia, os representantes do ABP Sport foron recibidos pola concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, nun encontro no que explicaron que serán as propias familias as que custearán a viaxe xa que unicamente o equipamento corre a cargo da Federación Española de Kick Boxing.