Ante a Gimnástica Segoviana, sen marxe para máis erros

Pontevedra
02 de decembro 2017

Tras seis xornadas sen gañar o Pontevedra recibe este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón, no seu segundo encontro consecutivo na casa, ao seu verdugo en Copa, unha Segoviana que marca a fronteira co descenso cun só punto menos que os granates

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

É unha xornada clave. Despois de seis partidos sen gañar en liga o Pontevedra afronta un duelo que pode comprometer o seu futuro a curto prazo ante o equipo que marca actualmente a fronteira co descenso e que foi o seu verdugo na primeira rolda da Copa do Rei, a Gimnástica Segoviana.

Os granates, que están a un só punto do seu próximo rival, xogan por segunda xornada consecutiva en Pasarón (17:00 horas) e fano sen marxe para máis erros se non queren verse metidos na zona quente.

Será ademais a oportunidade para deixar atrás o mal xogo do último encontro que provocou os primeiros pitos nunha afección que ansía ver melloría nos seus sen máis dilación.

Un primeiro paso para os de  Luisito, polo menos para recuperar inercia positiva, foi o encontro de Copa Federación en Bouzas o pasado mércores (0-1), choque no que só Álex Fernández repetiu como titular con respecto ao último once en liga.

A boa noticia para o técnico veu no regreso aos terreos de xogo de Jimmy, tras dous meses fóra por lesión, e tamén pola recuperación de Carlos Ramos. Nestas circunstancia só Miguel Ángel é baixa segura para enfrontarse á Segoviana e poderían verse variacións no equipo titular.

Pola súa banda a Gimnástica chega a Pontevedra nunha dinámica positiva a pesar da súa mala clasificación, con dúas vitorias nas tres últimas xornadas e unha única derrota nas últimas dez (seis empates). Os visitantes contarán coa baixa por sanción do centrocampista Alberto Leira e con varios futbolistas en dúbida.

O choque estará arbitrado polo colexiado madrileño David Gálvez Rascón.