Antía Chamosa, convocada ao criterium no que España probará a remuda mixta de marcha pensando en París 2024

Pontevedra
29 de febreiro 2024

A pontevedresa é un dos dez atletas (cinco mulleres e cinco homes) convocados pola Real Federación Española de Atletismo para participar no primeiro Criterium Internacional de Marcha Remudas Mixta de Valencia, o próximo 10 de marzo

Antía Chamosa, no Campionato Galego de Marcha o aire libre no CGTD Cristina Saiz

A revolución plantexada pola Federación Internacional de Atletismo en metade do ciclo olímpico nas probas de marcha, introducindo no programa para París unha remuda mixta en lugar dos tradicionais 50 quilómetros, fixo que os equipos nacionais traballen a contrarreloxo para levar aos Xogos o mellor equipo posible.

Nesas está a Real Federación Española de Atletismo, que vén de publicar a convocatoria de atletas para participar no primeiro Criterium Internacional de Marcha Remdas Mixta que se celebrará o 10 de marzo en Valencia, unha cita na que se buscará afinar a mellor estratexia e equipo para a cita olímpica.

Alí estará Antía Chamosa, xa que a pontevedresa é unha das dez atletas (cinco homes e cinco mulleres) convocadas polo seleccionador nacional. 

A proba de remudas disputarase por parellas, muller e home, en catro quendas de ao redor de 10 quilómetros cada unha ata chegar á distancia do maratón (42,195 km).

O equipo español estará encabezado polo bicampión mundial Álvaro Martín, completando a lista masculina o campión europeo Míguel Ángel López, Paul McGrath, Diego García Carrera e Alberto Amezcua.

Na lista feminina ademais de Antía Chamosa, quinta no recente Campionato de España, estará precisamente a nova campioa nacional Cristina Montesinos xunto á subcampioa europea Raquel González, Laura García-Caro e Paula Juárez.