Antía Chamosa, subcampioa de España nos 10 quilómetros marcha

Pontevedra
28 de xuño 2024

Foi nos campionatos de España de atletismo que se están disputando en La Nucía (Alacante) e onde á pontevedresa só a superou a catalá Raquel González, que lle sacou apenas seis segundos na liña de meta

Antía Chamosa (á esquerda), coa súa medalla de prata nos campionatos de España
Antía Chamosa (á esquerda), coa súa medalla de prata nos campionatos de España

Novo éxito deportivo para a pontevedresa Antía Chamosa. A atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra proclamouse este venres subcampioa de España na proba dos dez quilómetros marcha.

Foi nos campionatos de España de atletismo que se están disputando en La Nucía (Alacante) e onde á pontevedresa só a superou a catalá Raquel González, que lle sacou apenas seis segundos na liña de meta.

González parou o crono nos 44:33.78, mentres que Chamosa completou a proba en 44:39.24 para colgarse a medalla de prata. Terceira foi a madrileña Lidia Sánchez Poboa.

O título nacional dos dez quilómetros marcha foi o primeiro en poñerse en xogo nestes campionatos.

Ao sétimo dos dez quilómetros chegaron igualadas as tres favoritas, pero pouco despois dese fito Raquel González, a plusmarquista desta disciplina, asestou un cambio severo de ritmo que lle fixo marcar distancias sobre os seus dous rivais.

Pero a pesar de que a distancia con Chamosa chegou a alcanzar os trinta metros, a pontevedresa non se rendeu e aos poucos foise achegando á catalá e na última volta ao circuíto case logrou poñerse a par dela.

A González, a pesar de todo, aínda quedaban forzas para dar un estirón máis nos últimos metros da proba e impoñerse con certa folgura sobre a atleta da Gimnástica.