Con paso firme. Así se estreou este mércores Antía Jácome nos Xogos Olímpicos de Tokyo, na que é a súa primeira experiencia olímpica.
A padexeira pontevedresa está xa entre as 16 mellores do C-1 200 metros tras avanzar a semifinais previo paso polas series clasificatorias e os cuartos de final.
Jácome comezou participando na primeira serie da xornada, unha quenda na que non puido lograr o pase directo a semifinais (pasaban as dúas primeiras) ao ser terceira cun tempo 46.691, sendo superada pola ucraína Liudmyla Luzan (45.571) e a chinesa Wenjun Lin (46.449).
Había que pasar por tanto polos cuartos de final para seguir en competición, pero polo menos a deportista da EP Ciudad de Pontevedra xa se tiña desposuído dos nervios do debut.
Así, en cuartos de final mellorou notablemente o seu rexistro para vencer a súa quenda cun 45.668, o cuarto mellor tempo de toda a xornada no C-1 200, facéndose desa forma cun dos dous postos de acceso á seguinte rolda xunto á chilena Maria Mailliard (46.122).
Antía Jácome gañou agora o dereito para soñar e a buscar un oco na loita polas medallas. Para iso deberá ser unha do catro máis rápidas nunha semifinal que terá lugar este xoves 5 ás 2.44 horas en España. De conseguilo, estaría na final dese mesmo día ás 4.43 horas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.