Antía Jácome pon fin a unha tempada "incrible" coa mente en París 2024

Pontevedra
06 de setembro 2022

A piragüista da EP Cidade de Pontevedra conseguiu dous ouros no pasado mundial sub 23 e outras dúas medallas, ouro e prata, no Europeo absoluto do mes de agosto

Antía Jácome, na Copa do Mundo de Račice
Antía Jácome, na Copa do Mundo de Račice / Federación Española de Piragüismo

Recentemente aterrada en Galicia procedente da cidade húngara de Szeged, na que volveu facer historia con outras dúas medallas de ouro, Antía Jácome inicia un merecido período de vacacións.

"Chego a casa súper contenta porque levo case cinco meses fóra e chegar con catro medallas é un orgullo incrible", dixo a padexeira pontevedresa en pleno aeroporto ante as cámaras do programa En Xogo da TVG.

O peche de campaña da piragüista non pode cualificarse con outro adxectivo que non sexa o de espectacular. No mundial sub 23 da pasada fin de semana logrou o ouro nas modalidades de C1-200 e C2-500 mixto co tamén pontevedrés Noel Domínguez.

Unha xesta que alcanza unha dimensión aínda maior ao lembrar que, hai menos dun mes no europeo absoluto de Munich, colgábase o ouro na súa especialidade, o C1-200 e a prata no C2-200 feminino. 

Aínda que agora toca descansar, Jácome é incapaz de sacar da súa mente o principal obxectivo do próximo curso, que pasa por lograr a clasificación para París 2024, os que serían os seus segundos Xogos Olímpicos despois do debut o pasado verán en Tokio. "Vou loitar por estar en París, iso seguro", afirma a deportista da EP Ciudad de Pontevedra.

Á prometedora piragüista lerezana parece favorecerlle aínda máis o cambio de cidade e de adestrador. Deixou Sevilla para iniciar unha nova aventura en Mallorca e os resultados están a ser inmellorables. "Este ano cambiei de adestrador, agora adestro en Mallorca é un sitio incrible e espero seguir todo o camiño con eles", remata satisfeita e esperanzada en seguir facendo historia.