Antía Jácome xogarase na 'casa' a súa presenza nos Xogos de Tokyo, o 1 e 2 de xullo

Pontevedra
03 de xuño 2021

A Real Federación Española de Piragüismo puxo data para o control selectivo do C-1 200 que decidirá quen se fai con praza olímpica entre a pontevedresa e a madrileña María Corbera. Terá lugar no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido

Antía Jácome na pista de piragüismo de Szeged antes de comezar a disputa da Copa do Mundo do 2020
Antía Jácome na pista de piragüismo de Szeged antes de comezar a disputa da Copa do Mundo do 2020 / Federación Galega de Piragüismo

A Real Federación Española de Piragüismo puxo data para o control selectivo que decidirá quen se fai con praza olímpica na modalidade de C-1 200.

Será a última oportunidade de Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) de converterse en olímpica este verán, e xogará co factor 'cancha' ao seu favor xa que o selectivo celebrarase na pista de piragüismo David Cal do encoro de Pontillón  do Castro, en Verducido.

Será un cara a cara entre a pontevedresa, vencedora do selectivo nacional que daba acceso ao preolímpico, e a madrileña María Corbera, que logrou a praza olímpica para España nese clasificatorio europeo en Hungría ao decidir a Federación que Jácome se centrase no C-2 xunto á súa compañeira de club Antía Otero.

Como compensación a esa renuncia no Preolímpico, a Federación estableceu que se o C-2 non lograba praza e si a canoa individual Antía Jácome tería a oportunidade de ser a elixida nunha definitiva proba de control.

Será un todo ou nada. Segundo estableceu a dirección técnica da Federación, a clasificación decidirase á mellor de tres tiradas. De feito se unha padexeira gaña as dúas primeiras mangas xa non será necesaria a realización dunha terceira.

As dúas primeiras probas celebraranse salvo imprevisto o xoves 1 de xullo (9.00 e 11.00 horas), e en caso de ser necesario un desempate terá lugar o venres día 2 de xullo (10.00 horas).