Antiviolencia declara de 'alto risco' o partido entre Pontevedra e Racing de Ferrol en Pasarón

Pontevedra
16 de decembro 2025

A medida supón un reforzo na seguridade e medidas extraordinarias en Pasarón para o partido da xornada 18 de Primeira RFEF que se disputará o sábado 3 de xaneiro

Afección do Racing de Ferrol en Pasarón no partido contra o Pontevedra da tempada 22-23
Afección do Racing de Ferrol en Pasarón no partido contra o Pontevedra da tempada 22-23 / Cristina Saiz

A Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte tomou a decisión de declarar como partido de alto risco o primeiro partido de 2026 do Pontevedra Club de Fútbol.

Será en concreto o duelo de rivalidade autonómica contra o Racing de Ferrol, correspondente á xornada 18 de liga en Primeira RFEF.

O encontro disputarase o sábado 3 de xaneiro ás 16.30 horas no Estadio Municipal de Pasarón, coa previsión de que se produza un importante desprazamento de afeccionados visitantes.

A medida foi comunicada xa de maneira oficial aos dous clubs implicados.

A declaración de alto risco para o encontro suporá un importante reforzo do dispositivo de seguridade previsto, así como a adopción de medidas extraordinarias.

Entre esas medidas de prevención destaca a separación de afeccións, polo que todos os seguidos do Racing de Ferrol deberán situarse na mesma zona (previsiblemente ese lugar será o Fondo Sur).

Ademais deberanse adoptar medidas de seguridade adicionais no sistema de venda de entradas, polo que os despachos de billetes de Pasarón non abrirán o día do encontro.

Tamén se prestará unha maior atención aos controis de acceso ao estadio.