Un afeccionado do Pontevedra foi multado polo seu comportamento nas bancadas do estadio do Toralín, en Ponferrada, durante o choque do pasado domingo 2 de abril entre a Ponferradina e o club granate.
Unha vez examinado o informe do coordinador de seguridade do encontro a Comisión Estatal Contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte, reunida este xoves, estableceu unha multa de 3.500 euros ao seguidor pontevedrés en cuestión por "agredir a un afeccionado".
Ademais por este mesmo motivo se lle prohibe o acceso a recintos deportivos por un periodo de seis meses.
O altercado, ocorrido na grada ocupada pola afección granate desprazada a Ponferrada, "fixo necesaria a intervención dos funcionarios", explica a resolución de Antiviolencia en relación á Policía Nacional que controlaba esa zona do estadio.